Este 25 de novembro o noso colexio volveu unirse para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co lema "Sementemos o amor e erradiquemos a violencia"
As voluntarias de 6º foron as encargadas de deseñar e elaborarar un fermoso mural, situado xusto fronte á biblioteca escolar. Ademais, o alumnado que asistiu á biblioteca, puido realizar diferentes actividades relacionadas con esta data.
Todas as clases do centro fixeron unha flor especial, onde cada pétalo contiña unha mensaxe relacionada co 25N: palabras de apoio, reflexións sobre a igualdade... No acto, que tivo lugar na praza do Concello, gardouse un minuto de silencio, un momento emotivo e simbólico. Alí estiveron tamén expostas todas as flores feitas polo alumnado, enchendo a praza de cor e significado.
O Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares xunto co Concello de Salceda de Caselas convocaron a participación voluntaria nun concurso. O concurso consistiu na elaboración dun cartel cun debuxo e cun lema, en galego, que xirase en torno á eliminación da violencia contra as mulleres. Houbo un gañador/a por cada nivel, o cal recibiu unha bolsa de tea coa súa proposta artística impresa. Os agasallos foron entregados durante o acto realizado o mesmo día na praza.
Aquí vos deixamos un pequeno vídeo no que podedes ver ao alumnado traballando na biblioteca, o acto na praza do Concello...
"Por un mundo sen violencia, no que cada voz e cada soño sexa respectado e valorado: hoxe lembramos, hoxe loitamos, hoxe construímos igualdade."
Equipo de Biblioteca