venres, 16 de xaneiro de 2026

Papiroflexia na biblioteca

A biblioteca acolleu unha clase de papiroflexia na que o alumnado desfrutou creando diferentes figuras a partir de papel. Unha actividade creativa que fomentou a concentración, a paciencia e a imaxinación.


Equipo de Biblioteca

xoves, 15 de xaneiro de 2026

Txano e Óscar: unha lectura compartida en 6ªA

Durante o primeiro trimestre do curso, o alumnado  de 6ºA leu o libro de Txano e Óscar, unha lectura que nos acompañou durante as nosas horas de ler e que deu pé a reflexións, diálogos e actividades creativas arredor da historia e das súas personaxes.

Tras rematar o libro, o grupo realizou un mural colectivo no que aparecen os retratos das personaxes principais, elaborados polo propio alumnado, xunto cunha recomendación lectora.



Este mural foi colocado nun dos corredores do centro, converténdose nun pequeno escaparate lector  que chama a atención de quen pasa por alí e contribúe a dar visibilidade ao traballo realizado na aula, así como a fomentar o gusto pola lectura entre todo o alumnado. 




Desde a biblioteca escolar queremos felicitar á clase de 6ºA polo seu esforzo e creatividade.


martes, 23 de decembro de 2025

Entrega de premios do concurso de postais

No festival de Nadal tivo lugar a entrega de premios do concurso de postais. No vídeo pódese ver o momento da entrega ás alumnas gañadoras. 
Noraboa a todos os participantes e, especialmente, ás persoas premiadas! Equipo de Biblioteca

luns, 22 de decembro de 2025

Concurso de postais de Nadal na biblioteca do Altamira



Un ano máis, a biblioteca do Altamira celebrou o tradicional Concurso de postais de Nadal, cunha magnífica participación do alumnado.

Baixo a temática "Universo/Nadal", as postais tiñan que presentarse en galego, destacando pola súa orixinalidade e creatividade. O resultado foi unha colección de traballos cheos de cor, imaxinación e mensaxes cargados de maxia.

Tras unha difícil deliberación, debido ao alto nivel, oito foron as postais gañadoras. No festival de Nadal celebrado o último día de curso, as persoas premiadas recibiron un pequeno agasallo como recoñecemento ao seu traballo e creatividade. Na seguinte imaxe aparecen as gañadoras do concurso, ás que felicitamos, así como a todo o alumnado participante polo seu entusiasmo e implicación.

Bo Nadal e felices lecturas!

xoves, 18 de decembro de 2025

Recomendacións lectoras de Nadal

O Nadal é un momento perfecto para agasallar historias, compartir lecturas e deixar que a imaxinación viaxe todo o lonxe que queiras.

Dende a biblioteca do CEP Altamira fixemos unha selección de libros recomendados para cada nivel educativo, pensados para desfrutar na clase, na casa ou en familia. Porque é mellor compartir que competir: hai estrelas para todos.


Equipo de Biblioteca

venres, 5 de decembro de 2025

Club de Lectura de 6º

O Club de Lectura de 6º mergullouse esta semana nun marabilloso libro de Ledicia Costas "A señorita Bubble"


Equipo de Biblioteca

mércores, 3 de decembro de 2025

3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Hoxe na biblioteca vivimos unha xornada moi especial. Con motivo do 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, quixemos encher o espazo de cores, reflexión e lecturas que nos axudan a comprender mellor o valor da diversidade.
O alumnado participou decorando as ventás con debuxos, mensaxes e símbolos cheos de ledicia, lembrándonos que cada persoa é única e que todas temos algo marabilloso que achegar.
As ventás quedaron preciosas: un mosaico de mans, estrelas, cores e figuras que representan inclusión, respecto e empatía.Tamén preparamos unha selección de contos e álbumes ilustrados relacionados coa temática.
A nosa biblioteca sempre será un lugar onde todas as persoas teñen un sitio, onde a diferenza nos enriquece e onde aprender a convivir é unha aventura diaria.

Todas as capacidades suman. 
Todas as persoas importan.

Equipo de Biblioteca

venres, 28 de novembro de 2025

Comeza o XIII Concurso de Postais de Nadal!

Un ano máis, a Biblioteca Escolar do centro, pon en marcha o noso xa tradicional Concurso de Postais de Nadal, unha actividade que busca promover a creatividade, a expresión artística e o uso da nosa lingua entre o alumnado.

No documento PDF que vos achegamos a continuación, podedes consultar todas as bases do concurso, así como os prazos e indicacións necesarias para participar.

Pinchade aquí: Descargar bases do concurso (PDF)

Agardamos con ilusión as vosas creacións!

Equipo de Biblioteca

martes, 25 de novembro de 2025

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Este 25 de novembro o noso colexio volveu unirse para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co lema "Sementemos o amor e erradiquemos a violencia"



As voluntarias de 6º foron as encargadas de deseñar e elaborarar un fermoso mural, situado xusto fronte á biblioteca escolar.  Ademais, o alumnado que asistiu á biblioteca, puido realizar diferentes actividades relacionadas con esta data.















Todas as clases do centro fixeron unha flor especial, onde cada pétalo contiña unha mensaxe relacionada co 25N: palabras de apoio, reflexións sobre a igualdade... No acto, que tivo lugar na praza do Concello, gardouse un minuto de silencio, un momento emotivo e simbólico. Alí estiveron tamén expostas todas as flores feitas polo alumnado, enchendo a praza de cor e significado.

O Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares xunto co Concello de Salceda de Caselas convocaron a participación voluntaria nun concurso. O concurso consistiu na elaboración dun cartel cun debuxo e cun lema, en galego, que xirase en torno á eliminación da violencia contra as mulleres. Houbo un gañador/a por cada nivel, o cal recibiu unha bolsa de tea coa súa proposta artística impresa. Os agasallos foron entregados durante o acto realizado o mesmo día na praza.

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo no que podedes ver ao alumnado traballando na biblioteca, o acto na praza do Concello...


"Por un mundo sen violencia, no que cada voz e cada soño sexa respectado e valorado: hoxe lembramos, hoxe loitamos, hoxe construímos igualdade."


Equipo de Biblioteca

xoves, 20 de novembro de 2025

DÍA DA INFANCIA

20 de novembro foi o Día Mundial da Infancia, para celebralo, o alumnado de 6º de Primaria creou un mural que lucirá durante unhas semanas xusto diante da nosa biblioteca. 


Este día, alumnado e profesorado, puido acudir en pixama ao colexio como acto conmemorativo. Esta iniciativa xurdiu fai seis anos para reivindicar o dereito das nenas e nenos a crecer en familia, xa que o pixama está asociado a momentos como ler antes de durmir, recibir un bico de boas noites...

                                Todas as nenas e nenos merecen crecer felices.

Equipo de Biblioteca

venres, 14 de novembro de 2025

Sabidiña dalle a benvida ao alumnado de 1º de Primaria

Hoxe visitounos a nosa querida Sabidiña, a formiga máis sabia, curiosa e divertida do cole, visitounos para darlle a benvida ao alumnado de 1º
Sabidiña é unha formiga moi traballadora: adora os libros, explora cada estantería e sempre anda na busca de novas historias que contar. 
Cando menos o esperedes, verédela de novo. Está encantada de acompañarvos no voso primeiro gran ano como lectores.

Equipo de Biblioteca
 

Papiroflexia na biblioteca

A biblioteca acolleu unha clase de papiroflexia na que o alumnado desfrutou creando diferentes figuras a partir de papel. Unha actividade c...